Friday 17 de May de 2024

Dez empresas optan á licitación do proxecto de humanización do barrio de San Bernardo, que sae a licitación por case 268.000 euros


 

A actuación suporá a mellora, reurbanización e humanización da AC-311 no tramo entre a gasolineira e a capela de San Bernardo

Dez empresas optan á licitación do proxecto de mellora, reurbanización e humanización da estrada AC-311, entre os puntos quilométricos 2,800 e 3,120 (entre a gasolineira e a capela de San Bernardo) no concello de Noia. Unha obra que está a ser licitada pola Axencia Galega de Infraestruturas por un prezo de 267.967,58 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 4 meses.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, amósase moi satisfeito porque “é unha obra moi demandada pola veciñanza e suporá unha reordenación e unha configuración máis urbana e humanizada para o barrio de San Bernardo, unha das entradas á vila”. De feito, na actualidade na marxe dereita do tramo non existe unha continuidade da beirarrúa, polo que os peóns teñen que circular en varias zonas polo arcén da estrada ou entre os vehículos estacionados. A isto hai que engadir que as beirarrúas existentes están bastante deterioradas e os seus anchos non cumpren cos parámetros mínimos establecidos pola normativa vixente.

Melloras previstas

Para dar solución a estas deficiencias e humanizar este tramo, o proxecto contempla actuacións de mellora da seguridade viaria, modificando a sección transversal do tramo, acondicionando os firmes e pavimentos e acondicionando as redes de saneamento, abastecemento e alumeado público. Así, o proxecto contempla reducir o ancho da calzada dos actuais 6,30 metros a 6 metros, de forma que o espazo libre se destine á ampliación das estradas. A calzada tamén será obxecto dunha mellora da súa capa de rodadura cunha mestura bituminosa en quente.

Ademais de ampliar as beirarrúas existentes, o proxecto inclúe unha nova pavimentación e a construción dunha nova beirarrúa na marxe dereita. O pavimento das beirarrúas será de formigón en masa de 15 centímetros de espesor, tratado superficialmente cunha capa de rodadura cun acabado tipo formigón lavado. Colocarase baldosa de formigón botonera nas zonas de cruces e nos pasos de peóns.

Isto é así porque, a petición do Concello de Noia, construiranse tres pasos de peóns sobreelevados para que funcionen como elemento redutor da velocidade neste tramo urbano. “Trátase dun proxecto onde os peóns terán prevalencia sobre os vehículos, polo que tamén está prevista a redución da velocidade de tránsito na zona”, sinala Freire Abeijón.

Finalmente, acometeranse actuacións de axardinamento e instalación de novo mobiliario urbano na zona. Entre outras, está prevista unha zona axardinada a carón da capela de San Bernardo, así como plantar árbores sobre alcorques ao longo de todo o trazado. Así mesmo, plantaranse arbustos en xardineiras de fundición (de 1.300 mm de diámetro e 750 mm de altura) e renovarase o mobiliario urbano, coa instalación de bancos e papeleiras.